domingo, 9 de novembro de 2014

A Música Popular por Dieste.

A Música Popular.
Das comparanzas feitas por ilustres e coidadosos folcloristas, parece terse chegado á consecuencia de que a música popular pode ser agrupada xeograficamente en moi poucas variedades. A música de todos os pobos comprendidos en cada grupo é, segundo os devanditos investigadores, fundamentalmente « a mesma ». Analizados musicalmente os motivos redúcense a moi poucos e veñen sendo, con elipses ou engadidos que non atinguen ao íntimo da estrutura, os mesmos en pobos moi arredados, constituíndo, ademais, o que puidera nomearse « música rudimentar ».
Todos os amantes da música popular, todos os que en ela ven a posíbel piaña dun nacionalismo musical, ficarán desiludidos e ingratamente surpresos ao ler as anteditas aseveracións. A nós aconteceunos o mesmo entrementres non topamos obxeccións que opoñer. Mas non tardamos en topalas, e con elas o consolo.
A música popular de que falan aqueles investigadores é a que « pode ser trasladada ao pentagrama ». Pero algo hai na música popular, característica dunha comarca, que non rematan de recoller os anotadores, poida que por insuficiencia da notación empregada. Iso, o que non puido deica hoxe ser recolleito — non sendo en discos de fonógrafo e non moi ben — é o verdadeiramente propio, e poida que intransferíbel, dunha música nacional. Si dunha cidade estranxeira levades a unha viliña galega un cantar ouvido na rúa ou no teatro, observaredes como, pasado algún tempo, o cantar vai adquirindo un xeito novo que non o houbera adquirido igual en ningures. Se quixerades entón recoller no pentagrama o cantar, quizás vos topásedes coa sorpresa de ter anotado case que o mesmo cantar ouvido na cidade allea. E, non obstante, o cantar modulado pola xente da viliña « é outro ».
Agora exponse un problema de fondo interese para os músicos, como recoller esas modulacións? Como glosalas?

13 de Abril de 1926

Sem comentários:

Enviar um comentário