A Música
Popular.
Das
comparanzas feitas por ilustres e coidadosos folcloristas, parece terse chegado
á consecuencia de que a música popular pode ser agrupada xeograficamente en moi
poucas variedades. A música de todos os pobos comprendidos en cada grupo é,
segundo os devanditos investigadores, fundamentalmente « a mesma ». Analizados
musicalmente os motivos redúcense a moi poucos e veñen sendo, con elipses ou
engadidos que non atinguen ao íntimo da estrutura, os mesmos en pobos moi
arredados, constituíndo, ademais, o que puidera nomearse « música rudimentar ».
Todos os
amantes da música popular, todos os que en ela ven a posíbel piaña dun
nacionalismo musical, ficarán desiludidos e ingratamente surpresos ao ler as
anteditas aseveracións. A nós aconteceunos o mesmo entrementres non topamos
obxeccións que opoñer. Mas non tardamos en topalas, e con elas o consolo.
A música
popular de que falan aqueles investigadores é a que « pode ser trasladada ao
pentagrama ». Pero algo hai na música popular, característica dunha comarca,
que non rematan de recoller os anotadores, poida que por insuficiencia da
notación empregada. Iso, o que non puido deica hoxe ser recolleito — non sendo
en discos de fonógrafo e non moi ben — é o verdadeiramente propio, e poida que
intransferíbel, dunha música nacional. Si dunha cidade estranxeira levades a
unha viliña galega un cantar ouvido na rúa ou no teatro, observaredes como,
pasado algún tempo, o cantar vai adquirindo un xeito novo que non o houbera
adquirido igual en ningures. Se quixerades entón recoller no pentagrama o
cantar, quizás vos topásedes coa sorpresa de ter anotado case que o mesmo
cantar ouvido na cidade allea. E, non obstante, o cantar modulado pola xente da
viliña « é outro ».
Agora exponse
un problema de fondo interese para os músicos, como recoller esas modulacións?
Como glosalas?
13
de Abril de 1926
Sem comentários:
Enviar um comentário