domingo, 9 de novembro de 2014

A Música Popular por Manuel António

Eu, ás veces escribo versos. E así como a teimosía do mariñeiro consiste en falar do mar e de canto con el ten relación, así a miña teimosía consiste en falar de versos e de canto se lle achegue. Despois de todo, fale ben ou fale mal, nunca un home pode falar doutra cousa mellor que daquela á que consagra as súas afeccións, os seus entusiasmos e o seu traballo. Por iso eu fale ben ou fale mal, nunca poderei ocupar o meu lugar mellor que cando fale de un tema coma o de hoxe escollín pra presentarme diante de vós: vou intentar facer gabanza, o eloxio, a loanza do cantar.
Pero antes de pasar adiante, convén que eu explique o que entendo por cantar. Eu non lle chamo un cantar a ningunha desas cousas estrañas e alleas que veñen cantando mais de catro badulaques por que as escoitaron a unha cupleteira trasnoitada nun escenario de cafetín. Eu non lle chamo un cantar a ningunha desas cousas que escoitamos nos barrios baixos das cidades en boca das fregatrices ou na caixa dun organillo. Eu non lle chamo cantares a iso do Waya-Wais nin á Chula tanguista, nin a aquilo de Baronesa gentil, vizcondesa ideal, nin aquilo outro de Mozo traiga otra copa… A todas esas cousas chamádelle, si queredes, cuplés, pero non lle chamedes cantares. Este nome de cantares gardémolo para aquelas coplas tan sinxelas, tan íntimas e tan nosas, que aprendemos case cando aprendemos a falar. Cantares, para min, son aquelas cantigas con que de pequenos nos adormentaban nosas nais. Eu chámolle cantares a aqueles que se cantan de volta das romarías, ou nas longas parrandas da noite da festa que van recorrendo as calellas cunha copla axeitada en cada porta. Xa sabedes pois que ao falar de cantares, falo destas nosas coplas galegas; e delas é de quen eu quero facer unha gabanza.
Como son feitos os nosos cantares
Moitas veces teriades nas mans, e teredes folleado e lido un libro de versos. Alí tamén pode haber algo semellante aos cantares que podedes ler nun libro e os cantares que aprendiches de oílos por aí adiante, hai unha diferenza fondísima: os versos dun libro foron escritos por un só home, un poeta: e os cantares populares non se sabe por quen foron feitos; pero tan compenetrados estamos todos con eles que temos que crer que foron feitos por todo o mundo. Os versos do libro perténcenlle a un home que é o seu autor, e os cantares populares perténcenos a todos porque non teñen dono, e xa naceron para ser así.
Pouco esforzo se precisa para atopar outra interesantísima diferenza entre os cuplés e os cantares. Teredes visto que un cuplé nace, espállase e morre o mesmo que un andazo de vexigas ou xarampón. Chega calquera forasteiro, ou calquera de nós que vai afora, e trae un deses monstros que rebordan dos escenarios da arte dexenerado: por algún tempo, todo o mundo anda tatexando ou asubiando aquel cuplé de moda; e despois que todo o mundo se fartou e se cansou de darlle voltas, pasa de moda e ninguén volve a cantalo. Se quixésemos poñer exemplos disto atopariámolos dabondo, porque con todo cuplé acontece isto que digo.
Co cantar nunca pasa tal cousa: cando as xentes se cansaron de cantar Waya-Wais, volveron a cantar O río cando vai cheo… Heicho de dar queridiña, heicho de dar que o teño… O cuplé morre, o cantar vive sempre. O mesmo cantar que cantamos de mozos, cantarémolo de vellos; así como cantaron os nosos avós, cantárono os nosos netos. Isto, non nos quer dicir algo? É que o cantar ven a ser algo máis que unhas palabras engarzadas nunhas notas. O cantar con todas as súas variantes é a expresión máis pura e axustada do noso pensamento, do noso sentimento, do noso carácter e nunha palabra, de toda a nosa alma.
O estudo dos cantares do pobo,así como o das súas lendas, contos, música, e todo o que nunha palabra se chama folclore, foi durante moito tempo desprezado polas xentes cultas. Hoxe acontece todo o contrario. En Irlanda, país irmán noso polo orixe e tan semellante ao noso polas súas calamidades, fai xa tempo que existe unha Sociedade Celtista, William Butler Yeats, que ten por obxecto recoller e estudar todas estas manifestacións do arte do pobo. En México, tamén fai tempo xa que existe outra sociedade, La Corregidora de Querétaro, que traballa por recoller as manifestacións da arte dos indios, esquecidos desde os tempos da conquista española. Para ninguén é un segredo que Grieg, un dos mais grandes músicos dos nosos tempos, inspiraba para as súas composicións nos cantares populares de Noruega, como Dvorak en Hungría e Falla en España. A literatura e a música rusa que hoxe están tendo un grandísimo éxito en toda Europa, débeno seguramente a que tanto unha coma outra, arrincan directamente de fontes populares. Esta atención que se lle presta e esa influenza que exerce o arte popular atópase máis ou menos en case tódolos países do mundo, e entre tódalas xentes verdadeiramente cultas.
Ben vedes polo tanto que amando os nosos cantares non faremos máis que seguir os pasos dos homes de estudo. Pero o que nos debemos facer, o que debe facer o pobo, é unha cousa aínda de máis importancia que o que fagan os folcloristas.
Se eles recollen os cantares para coleccionalos nos libros e cadernos de estudo nós debemos facer algo máis importante, que será o conservalos vivos, non consentir que vaian a momificarse entre as follas dun libro, senón recollelos como un herdo sagrado dos nosos maiores, conservalos cariñosamente e encomendarllos ao que virán. Así cumpriremos cun dos nosos deberes na vida que é o de defender a nosa personalidade, o que temos de propio, de noso, o que nos distingue dos demais. Deber, este, por certo ben descoidado, e sobre o cal falaría se o tempo non me prohibise abusar da vosa atención para poñer de manifesto o vergoñento que resulta ver como de cotío nos esquecemos da nosa fala, renegamos da nosa tradición, e vilipendiamos a Nosa Terra, cando o noso deber sería falar sempre na nosa fala, conservar a nosa tradición e poñer a Nosa Terra por enriba de todas as outras.
A min unha das cousas que máis mágoa me dan, é un home que despreza a súa Patria, a súa Raza, a súa Raza, a súa fala, o seu orixe, as súas tradicións, e, nunha palabra todo canto hai de máis sagrado, e todo canto debera ser o obxecto da súa devoción e do seu culto constante. Moitas veces se ten botado na cara aos galegos o desapego polas súas cousas, o dispostos que están sempre a deixalas polas alleas. Aquí mesmo, na nosa vila, ben vemos que, como nas demais, atópanse a eito tipos deses que por estar catro días en terras de afora, antóllaselles que isto non val nada, que a nosa fala é unha cousa baixa, que as nosas costumes tradicionais son atrasadas e ridículas e que calquera curruncho do mundo é mellor que isto. A min puidéranme chamar bárbaro e atrasado todos eses individuos, pero o caso é que a cousa que máis quero neste mundo, e paréceme que tamén no outro, é a Miña Terra; a miña terra con todo o que ten de seu.
Quérolle en primeiro lugar, por obrigación; porque a primeira obrigación de todo home é amar sobre todas as cousas á súa terra. E quérolle ademais por necesidade; porque ten para min tales encantos, lévoa tan metida dentro de min mesmo que si ela me faltase, faltaríame a vida. E quérolle ademais por o merecer; por que non é preciso que me cegue o amor que lle teño para encontrala cha de engados, belida, incomparábel.
Quero facer unha gabanza destes cantares, por que lles quero como se en vez de ser unha cousa inmaterial fosen uns vellos amigos meus, daqueles amigos con os cales de pequeno se ten pasado moitas tardes xogando; uns amigos con quen tiveses feito tantas cousas de amábel recordo.
E quérolles porque eles son as alfaias con que o pobo enxoia a nosa fala. Quérolles por que eles son como oracións sinxelas e humildes para rezar no culto panteísta da Terra e da Raza.
Cantas cousas di un cantar
Eu quixera que moitas veces vos parásedes a desenvolver cantas cousas di un cantar. É que un cantar, nos seus catro versos, encerra moitas veces  máis sabedoría que o libro dun filósofo e mais beleza que o libro dun artista. Porque o libro dun filósofo, inda que el teña recorrido os mais escolleitos campos da ciencia, e inda que teña consumido o mellor da súa vida nunha matinante cavilación, sempre será unha interpretación da vida feita a través do seu temperamento e da súa personalidade, mentres que a sabedoría que encerra un cantar, é o produto da ciencia sinxela, espontánea e natural que levou dentro de si unha longa cadea de xeración. E a sabedoría, dun home por ergueita que sexa nunca poderá poñerse de par da sabedoría dunha raza.
O mesmo acontecerá coa beleza do cantar. Por depurado espírito que teña un artista, por xenial e orixinal que sexa a súa creación, sempre a súa obra será un perfil da Beleza tomado desde un restrinxido punto de vista individual.
ca. 1923

1 comentário:

  1. Gustaríame saber de que libro foi recuperado este texto de Manuel Antonio. Moitas grazas.

    ResponderEliminar